As operadoras chinesas cifran en 14.000 millóns as mensaxes de texto enviadas no Aninovo Luar

luns, 19 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Nun país de proporcións tan xigantescas como China, tanto no que se refire á súa propia superficie no mapa como en cuestións de poboación, todo resulta case excesivo. O eido da tecnoloxía non é unha excepción a esta regra de facer as cousas ó grande. Un moi bo exemplo disto é o que vai acontecer coas mensaxes breves de texto de felicitación do Aninovo Luar (festexo que non se limita a unha soa noite senón a unha semana enteira de farra a partir deste domingo 18, co que se redondea á alza calquera cifra obtida sobre o emprego de tecnoloxía). Así, segundo informa EFE, as dúas grandes operadoras de telefonía móbil (China Mobile e China Unicom) que traballan no país calculan que se van enviar 14.000 millóns de sms ó longo destas xornadas.
Cómpre dicir que só no caso de Pequín, rexistrouse o envío de 400 millóns de mensaxes de texto a unha velocidade de 5.800 por segundo. Polo que respecta a 2006, foi un ano no que quedou claro que China xoga con moitos números nisto das mensaxes a terminais: contabilizáronse case 430.000 millóns de sms ó longo de todo o ano, cunha taxa diaria de 1.200 millóns e xerando uns beneficios de máis de 100 millóns de iuáns (preto de 10 millóns de euros).

PUBLICIDADE