As mozas de Descúbreas inician a súa andaina para conquistar as principais plataformas de streaming

luns, 24 de abril do 2023 S. P.

As oito mozas participantes da terceira edición do programa Descúbreas, promovido pola Deputación de Pontevedra e Regalamúsica para impulsar, reivindicar e visualizar o talento das novas artistas galegas, iniciaron esta fin de semana o proceso para impulsar as súas carreiras profesionais, que culminará coa gravación de cadanseus temas e vídeo-clips que serán lanzados nas principais plataformas de streaming e venda en liña.
A sede da institución provincial en Vigo acolleu esta xornada impartida pola deseñadora Andy González e o equipo de Descúbreas, e na que a presidenta provincial, Carmela Silva, animou ás mozas seleccionadas a “desfrutar ao máximo desta experiencia formativa e de asesoramento, que vai marcar de xeito moi importante os seus primeiros pasos na industria musical”.
As 8 músicas de entre 16 e 35 anos que foron seleccionadas nesta edición son Lidia Barreiro Aldao (do concello de Barro), Arancha Rodríguez González (Pontevedra), Sara Mínguez López (Vigo), Alba Ermida Area (Poio), Lucía García Giráldez (Nigrán), Andrea Garriga Martínez (Vigo), Nerea Gándara Prado (Nigrán) e Laura Marino Vega (Ponteareas).
Na sesión que marcou esta fin de semana o arranque das mentorías, Andy González abordou a relevancia da imaxe persoal na carreira artística e ofreceu ás participantes un primeiro achegamento sobre a importancia de manter unha coherencia entre a estética e as propostas musicais e audiovisuais. A xornada completouse coa intervención de representantes do equipo de Descúbreas, que lles deron ás participantes as primeiras claves sobre o funcionamento do mundo da industria musical.
Con estas actividades de asesoramento-formación, as mozas recibirán o apoio de mulleres referentes do sector en Galicia e formación musical transversal a través de distintos obradoiros. Así, as sesións grupais terán a súa continuación o vindeiro 6 de maio con outra xornada sobre igualdade, impartida pola politóloga Priscila Retamozo e o equipo de Descúbreas. O resto das mentorías serán individualizadas e amais das citadas profesionais, contarán co apoio de María Pérez (MaríaSOA), unha das integrantes do grupo Fillas de Cassandra, que se incorpora ao equipo e impartirá un obradoiro de composición; Salomé Limón produtora musical gañadora de 5 premios Latin Grammy, que abordará a produción musical, ademais de ofrecer un relatorio sobre traballos no eido da gravación musical; Raquel Seijo, directora de Sweet Nocturna, que impartirá un taller de organización de festivais; Wöyza, cantante e produtora, que levará a cabo o obradoiro Súbete ao escenario e coordinará ás mentorizadas nas súas gravacións e Patricia Hermida, directora de Dotbeat e presidenta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), encargada das sesións sobre dirección e promoción e que tamén ofrecerá un taller sobre a industria musical.
Por outra banda, o día 29 de abril terá lugar na sede de Vigo un obradoiro de composición musical a cargo de María Pérez (música popular) e Wöyza (música urbana), no que amais das mozas mentorizadas tamén estará aberto á cidadanía. E, no marco do programa, iranse publicando na web de Descúbreas novas entrevistas a diferentes mulleres artistas e profesionais que quixeron aportar a súa visión do sector: a pianista, docente e directora do Festival IKFEM Andrea González; Carla Lourdes, artista e compositora; Antía Caride, Anabel Abalde e Tamara Casal, integrantes do Trío Girls Gang; Pilar Dafonte, cantante de Voice Eternal e Prima Nocte; Sabela Cereijo, cantante, docente e compositora; Patty Castro, periodista e promotora do Galaecia Metal Fest e Mulleres Galegas Kañeras; María José Pámpano, música, docente e mánager; Belem Tajes, artista e compositora e Yamini Teresa Prabhu e Laura Lorenzo, compositoras e integrantes de Samudra Trío.

PUBLICIDADE