Aprobada a licenza para a primeira fase do plan de fibra da zona vella de Santiago

martes, 13 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Santiago aprobou este martes en xunta de Goberno local conceder a licenza a Orange/Jazztel para executar o plan de despregue de rede fibra óptica (tecnoloxía FTTH) na contorna da zona histórica formada polas rúas do Franco e do Vilar 34-84. Os traballos levaraos a cabo a empresa Orange España e contará cun orzamento de execución material de 39.946,95 euros. Dos temas tratados na reunión do executivo municipal informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Segundo fixo saber, a nova documentación presentada pola empresa, sobre a que se concede a licenza, “presenta unha serie de melloras respecto á anterior do mes de xuño”. Entre as modificacións destaca o cambio no ámbito de intervención, de xeito que a rede esténdese dende a rúa do Franco até parte da rúa do Vilar (entre os números 34 e 84), co obxecto de “resolver quinteiros ou mazás completas”.
A dita ampliación, dixo, “permite eliminar a práctica totalidade do tendido de fibra prevista inicialmente no lado impar da rúa do Franco, xa que a maior parte dos edificios dos números impares teñen o portal de acceso ás vivendas na rúa do Vilar”. Asemade, dixo que os cambios amplían a penetración prevista da instalación, que se proxecta para dar cobertura ao 100% dos usuarios e incorpora un novo deseño da rede de distribución no que se empregan Caixas Ópticas Terminais con divisor (CTO) con capacidade para catro portos, “en lugar das previstas que permitían un máximo de dous portos”. O alcalde salientou que con este novo deseño redúcese o número total de caixas necesarias, minimízase o número de cables e redúcese o número de fusións, xa que a terminación dos portos na caixa incorpora a conectividade necesaria.

PUBLICIDADE