Apple renova os seus ordenadores portátiles

martes, 14 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A incorporación de procesadores gráficos nVIDIA GeForce 9400M é unha importante mellora para os Macbook

Despois de renovar a súa liña de reprodutores multimedia e o iPhone 3G a Apple quedáballe unha importante materia pendente, os seus ordenadores portátiles, e hoxe Steve Jobs presentou o que serán os novos Macbook e Macbook Pro, nunha aposta polo aluminio e pola potencia gráfica que agradecerán os seus futuros compradores.
A grande novidade para os Macbook estaría no abandono da súa carcasa de plástico, que pasaría a ser substituída por unha peza de aluminio (de xeito que agora non habería unha clara diferenciación externa entre os portátiles básicos e os profesionais da compañía de Cupertino), pero deixando de lado este elemento estético e ecolóxico, a incorporación de tarxetas de vídeo nVIDIA GeForce 9400M, que nun principio só estarán presentes nos portátiles de Apple, supón un importante salto para os Macbook, que poderán mellorar así o seu rendemento multimedia e resultando aptos incluso para o uso de videoxogos.

Jobs tomou a broma o seu estado de saúde como tamén fixera na presentación do mes pasado

Os Macbook Pro pola súa banda seguen o mesmo camiño que os Macbook en estética e procesador gráfico (pero cun teclado retroiluminado), e mesmo trasladan este posibilidade aos Macbook Air, equipos que cunha tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 9400M e un disco duro de 120 Gb (ou un SSD de 128 Gb) melloran en prestacións para converterse nunha opción realista para usuarios que busquen algo máis que estética e mobilidade non equipo portátil.
Steve Jobs tampouco deixou de falar dun dos produtos que a súa compañía máis deixou de lado nos últimos anos, os monitores, e finalmente renovan os Cinema Display de 24 polgadas, incorporando tecnoloxía de retroiluminación LED, presentando unha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles (coa que a competencia xa contaba dende hai moitos meses), a cámara iSight, micrófono, son estéreo e 3 portos USB.
Tampouco faltaron alusións á saúde de Jobs (quen incluso presentou ao público cal era a súa tensión arterial, reiterando o uso dos rumores sobre o seu estado de saúde a xeito de broma), se xustificou a ausencia do porto HDMI e do Blu-ray nos novos equipos (queren agardar a ver se o Blu-ray se asenta no mercado antes de introducilo nos seus ordenadores) e incluso defenderon que as pantallas dos novos equipos só se vendesen en versión brillante, o que resulta molesto para moitos contornos de traballo por mor dos reflexos (cando moitos fabricantes inclúen a opción de pantallas mate).

PUBLICIDADE