Apple renova a súa liña de reprodutores multimedia

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Esta tarde Apple celebrou unha das súas importantes presentacións que buscan chamar a atención sobre os seus novos produtos, facendo que o propio Steve Jobs sexa o que imparta un argumentario para os maqueiros de todo o mundo, e nesta ocasión non foi diferente, aínda que máis predicible do que era desexable, pois as novidades presentadas xa foran adiantadas por moitos blogs nas últimas semanas.
Esta keynote foi das de pouco tamaño, pois as novidades se restrinxían aos reprodutores musicais da compañía, e comezaron presentando unha nova versión do software iTunes (a 8), que mellora a súa accesibilidade, integra novas listaxes de reprodución (Genius) e incluso unha nova vista (en táboa) para explorar os contidos. O detalle das listaxes Genius vén a ser a aplicación de algoritmos para deseñar listaxes de reprodución que concorden cos nosos grupos, ou sexa, algo que levan anos facendo dende varios servizos de Internet, pero que agora achega Apple, tomando tamén un maior control do proceso.
O programa tamén será a porta para a adquisición de series de televisión para a súa visualización dende o ordenador, que será de 1,99 dólares na versión estándar e a 2,99 en alta definición, contando de novo co catálogo da NBC.
O iPod classic foi o primeiro dispositivo renovado que se presentou no evento, aínda que se limitou a un cambio comercial, de xeito que agora xa só se venderá na súa versión de 120 Gb a un prezo de 229 euros (ou sexa, que se teñen 120 Gb polo prezo de 80).
O iPod nano, pola súa banda, si que cambiou, no que moitos consideran un paso atrás (que non a peor) xa que recupera unha aparencia alargada e incluso adelgaza un pouquiño e perde peso para quedar en só 90,7 x 38,7 x 6,2 milímetros e 36,8 gramos. Ademais se venderá en 9 cores distintas, incorpora acelerómetros (para xirar a súa pantalla segundo corresponda) e incluso incorpora un micrófono para gravar anotacións. A súa autonomía é de 24 horas para música e 4 horas para vídeo (o que sorprende porque a versión anterior prometía unha autonomía de 5 horas para vídeo, e as súas pantallas teñen as mesmas dimensións). Coma no caso do classic, as capacidades de almacenamento destes reprodutores tamén se incrementan mantendo o prezo, de xeito que a versión de 8 Gb custa 139 euros e a de 16 Gb se vende a 189 euros (dobrando a capacidade dos modelos anteriores).
Jobs tamén adiantou que en outubro porán á venda uns auriculares por 79 dólares, tralo que entrou a falar do iPod Touch, que se renova para achegarse ao iPhone 3G, copiando a súa estética exterior e incluso integrando controis de volume laterais e altofalante. Ao contrario que o iPod nano, o Touch mellora a súa autonomía para achegar 36 horas de reprodución de música e 6 horas de vídeo e no tocante aos prezos, repite a política dos anteriores modelos e vende os modelos de 8, 16 e 32 Gb a 199, 269 e 359 euros respectivamente.
Para rematar, presentáronse os xogos máis interesantes que chegarán para o iPhone e o iPod Touch (RSoccer 9, Need for Speed: Undercover e Spore Origins), así como se anunciou que o venres poderase descargar o firmware 2.1 para estes dispositivos, que corrixirá moitos dos fallos que apareceron trala renovación á versión 2.0, que demostrou ser un produto claramente inacabado.
Visto que o evento pareceu unha simple actualización da oferta de reprodutores multimedia de Apple, con mención especial para o colorido iPod nano, haberá que agardar para que a empresa de Cupertino renove os seus ordenadores, pois na Rede leva tempo rumoreándose que se están a preparar cambios realmente importantes especialmente nos portátiles de Apple, que poderían achegar prestacións inéditas, aparte dun elegante deseño ao que nos teñen afeitos dende a compañía da mazá.


Anuncio televisivo dos novos iPod nano

PUBLICIDADE