Apple lanza ofertas de emprego para abrir tendas propias en España

martes, 9 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Non contentos coas preto de 300 tendas que teñen espalladas por 10 países de todo o mundo, os directivos da multinacional tecnolóxica Apple, para alegría de todos nos, veñen de anunciar que teñen intención de abrir en España as súas primeiras tendas propias, que está previsto que se instalen en Madrid e Barcelona, aínda que non é seguro ao cen por cen xa que a única pista que nos leva a estas cidades é que será nelas onde se fagan as entrevistas de traballo. E como todo negocio precisa de persoal que o atenda, a compañía colgou a pasada semana na súa web unha oferta de emprego para cubrir os distintos perfís profesionais que precisan as Apple Retail Store, é dicir, as populares tendas da compañía da mazá. Logo de varios meses (para algúns demasiados) de especulación e incerteza, a empresa de Steve Jobs vén de iniciar o proceso de selección de profesionais para cubrir os distintos postos que requiren as novas tendas no noso país, porén non se sabe con certeza a ubicación exacta das mesmas. As Apple Retail Stores, que presumen de ser “algo máis que tendas”, comercializan todos os dispositivos, accesorios e software da compañía de Jobs e é posible que coincidan a súa estrea en España coa chegada do tablet iPad ao noso país. Os postos que a compañía precisa cubrir nun primeiro momento van dende Asesor de empresas ata Especialista de inventarios, pasando por Asistente do Store Manager e Creativo. Asemade, os responsables do proxecto inclúen para as tendas de España un posto que non hai nas Apple Shops actuais, que é o de Genius. En total, barállase unha cifra de 50 postos de emprego que Apple precisa cubrir para a apertura das súas tendas en España.

PUBLICIDADE