Anuncian un complexo método para liberar o iPhone

luns, 6 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Aínda que o iPhone de Apple non se vende en Europa e a súa importación ó Vello Continente resultaba absurda dado que os terminais se atopan bloqueados para funcionar só co operador norteamericano AT&T, pero os usuarios parece que non se resisten á espera, e xa apareceu na Rede un sistema para liberar completamente o iPhone de xeito que se pode empregar tanto para facer chamadas como para enviar mensaxes SMS (os trucos anteriores non permitían o uso do terminal coma teléfono móbil).
Segundo declaran na Internet, xa hai usuarios británicos que fixeron funcionar un iPhone co operador Orange, para o que se precisou da modificación da tarxeta SIM do usuario, para o que é preciso mercar un lector/gravador deste tipo de tarxetas (así como unha en branco) de xeito que a operación ten un custo estimado duns 96 dólares, agardándose que en breve apareza un método semellante que sexa de balde.
O lado escuro desta nova está en que xa hai tendas asiáticas que se están a dedicar a vender iPhones liberados, descoñecéndose se Apple ou AT&T tomarán medidas sobre o asunto.

PUBLICIDADE