Android domina o mercado de smartphones en España co 78,7% das vendas

martes, 12 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O Samsung Galaxy Mini é o smartphone máis vendido en España

Un estudo de Kantar Worldpanel sobre o mercado da telefonía móbil en Europa sostén que no mes de maio o 60% dos smartphones vendidos no Vello Continente funcionan co sistema operativo Android, proporción considerablemente superior ao 38,8% do mesmo período do ano anterior. Incluso detallan que no caso español e a conxuntura económica a que leva aos usuarios a dispositivos baratos, o que se demostra coas grandes vendas do Samsung Galaxy Mini.
Se entramos a analizar os datos español temos que no noso territorio o 78,7% dos smartphones vendidos en maio funcionan con Android (mentres que en 2011 tiña que conformarse co 45,5%), sistema operativo seguido polo de RIM (9%), Symbian (6,2%) e iOS (3,3%), o que non deixa de resultar rechamante, pois aínda que en certos círculos dá a impresión de que o iPhone 4/4S é omnipresente, os datos de vendas amosan unha situación real ben diferente. Polo momento Windows Phone ten que conformarse cun 2,6% de cota de novos smartphones, o que vendo os resultados de Apple non parece tan mal resultado.
O prezo medio que asumen os consumidores españois á hora de mercar un novo smartphone é de 48,3 euros e, aínda que este tipo de terminais avanzados están no 38% do parque total de móbiles, se atendemos a dispositivos móbiles teriamos que xa conseguen dominar o 66,7% das vendas.

PUBLICIDADE