Amena estréase como OMV con tarifas sen límites nin compromisos

venres, 29 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O anuncio de que Orange ía resucitar a marca Amena para ter o seu propio Operador Móbil Virtual (OMV) na liña do que Movistar fai con Tuenti foi toda unha sorpresa que concretouse nas últimas horas, e cunhas condicións que inicialmente parecen bastante atractivas e simples, pois a compañía limita a súa oferta a dous contratos: unha tarifa de voz que por 19 euros/mes ofrece 3.600 minutos en chamadas e 1.000 mensaxes de texto (coa limitación de 150 e 100 destinos distintos respectivamente para evitar usos comerciais) e outra de 29 euros/mes que conta a maiores con 1 Gb de transferencia de acceso á Rede a máxima velocidade (que tras superarse reducirán a conexión a 64 Kbps sen custo adicional). A estes prezos habería que engadir o IVE, e de superar os límites establecidos teriamos chamadas a 8 céntimos/minuto (cun establecemento de chamada de 15 céntimos) e mensaxes de texto a 15 céntimos.
Estes contratos carecen de compromisos de permanencia, en boa medida porque non inclúen terminais subvencionados, de xeito que, polo momento, Amena non entra nesta guerra que supón un risco importante para moitos operadores. De feito, este novo operador que funciona coa rede de Orange funcionará tanto con terminais libres coma con móbiles de Orange, converténdose nunha opción moi interesante para os actuais clientes da compañía que se visen tentados polas últimas ofertas de chamadas ilimitadas doutros operadores.
Cómpre destacar un par de detalles deste novo OMV, como que emprega tarxetas microSIM+ (incluíndo as pezas para adaptalas aos distintos terminais que hai no mercado) e é compatible co servizo BlackBerry a cambio dun custo de activación de 15 euros (sen gasto mensual asociado á tarifa de datos).

PUBLICIDADE