Amazon podería contar dun smartphone de seu en poucos meses

mércores, 11 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Amazon xa está presente nos móbiles cunha tenda de aplicacións para Android

The Wall Street Journal informa de que varios provedores de compoñentes en Asia están a realizar probas cun terminal móbil que podería ser comercializado por Amazon, o que indicaría que a compañía non se conformaría coas seus eReaders Kindle e o seu tablet Kindle Fire e podería ampliar o seu negocio para chegar tamén aos smartphones a finais do presente ano ou a primeiros do que vén. O dispositivo que estaría a probarse tería un tamaño de entre 4 e 5 polgadas, seguindo unha tendencia emerxente entre os actuais terminais con Android.
Estas informacións súmanse a comentarios de Bloomberg na mesma dirección, polo que gaña peso este ruxerruxe que dá a entender que ao iPhone e aos terminais Samsung Galaxy vai saírlles un duro competidor nos EE.UU., que serviría tamén para potenciar a venda de contidos dixitais por parte de Amazon.

PUBLICIDADE