Alumnos de Xornalismo da USC traballan nunha novela colectiva en liña: Rigor Mortis

xoves, 22 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Unha das vantaxes que ten a Rede é que non tes porqué facer as cousas por ti só. Para cada proxecto que teñas en mente, haberá sempre outra iniciativa semellante e outra mente pensando nela. O bo do traballo colectivo non é que o resultado sexa mellor có feito a título individual (a suma de cerebros pode devir en resta), pero si que será ben diferente. Só por isto, é probable que pague a pena. Disto, de traballar poñendo unha man enriba da outra, e do que trata Rigor Mortis, unha aventura de 29 estudantes de Xornalismo da Universidade da Santiago que están a unir talentos para crear un relato conxunto e, en última instancia, novos espazos para a creación artística. A chave: tirar partido do que ofrece a Internet en cuestión de redes sociais.
Non en van, arredor do proxecto hai xa un espazo wikispaces onde se dá conta polo miúdo dos seus detalles (personaxes, lugar: Compostela, termos clave) e un caderno chamado Mundos Interactivos onde se pon a debate todo que teña que ver co proceso de creación (creación de personaxes, de escenarios ou de tramas).
Asemade, hai un caderno chamado Ausencias que informa sobre o primeiro experimento realizado por este grupo de estudantes. Volvendo a Rigor Mortis, dicir que se trata dunha proposta de narración hipertextual, amais dunha historia de “intriga e de conflito” en si mesma, en termos dos propios responsables do proxecto.
A dita novela en liña, na que se están a empregar catro meses de traballo (estes comezaron de xeito oficial en marzo, e podemos seguir os pasos dados polos autores no dito blog Mundos Interactivos), está construída sobre licenzas Creative Commons, abertas e libres para a restante comunidade de internautas sempre e cando se respecten e recoñezan as autorías.
O argumento, que transcorre en diferentes espazos de Santiago, segue certos modelos das novelas clásicas de misterio e/ou policiais, pero incluíndo novas achegas en fondo e en feitura procedentes do feito de apoiarse no labor colectivo e, tamén, na concorrencia da Internet. Por exemplo, grazas á presenza do debate, as posibilidades da trama gañan en complexidade e os posibles erros de estilo ou argumentais atopan unha marxe máis ampla para a corrección.

PUBLICIDADE