Airis entra na TDT de pago a través dunha promoción de El Mundo

luns, 28 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Os fabricantes españois van a fume de carozo para comercializar dispositivos para a TDT de pago, e dende Airis apostan forte, xa que o seu receptor doméstico básico chegará ao mercado a través dunha promoción co xornal El Mundo, de xeito que os usuarios que completen a cartilla que publicarán o domingo 4 de outubro (para o que deberán xuntar 20 cupóns) poderán adquirir o receptor de TDT de pago coa tarxeta de Gol Televisión e un mes de abono a esta plataforma por 69,90 euros, aínda que os receptores non se entregarán ata o 4 de novembro.
Tampouco hai que esquecer que tras darse de alta nesta promoción haberá que pagar 14,90 euros/mes + IVE para acceder aos contidos de Gol Televisión durante un tempo mínimo dun ano.
Esta oferta estaría limitada a 50.000 receptores de TDT Premium, que polo que puidemos ver son bastante básicos, polo que non parece que esta campaña supoña unha rebaixa real no prezo do dispositivo (o Engel NANO con Gol Televisión custa uns 65 euros), aínda que si parece unha boa iniciativa para dar a coñecer esta oferta comercial.

PUBLICIDADE