Adiantan detalles do novo iPad e refórzanse os rumores dun modelo con pantalla de 7,85 polgadas

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro venres chega ás tendas de EE.UU., Reino Unido, Francia, Alemaña, Suíza, Xapón , Hong Kong, Singapur e Australia o novo iPad, o que levou a algúns fanáticos desesperados a comezar a facer cola fronte a unha das tendas de Apple en Londres, mentres que en Vietnam xa hai que puido facerse co novo trebello, amosándoo ao mundo a través da web, tanto en fotografías coma en vídeo. Iso tamén permitiu someter o dispositivo á aplicación Geekbench, confirmando que o novo iPad ten 1 Gb de RAM e mantén o seu procesador a unha velocidade de 1 GHz. Vemos así que o novo iPad non tería un incremento substancial de rendemento (pasar dos 721 puntos do iPad 2 a 756), senón que os recursos adicionais irían dirixidos á súa gráfica (para poder mover a súa nova pantalla Retina).


Vídeo no que amosan o novo iPad dende Vietnam

Posible iPad de 7,85 polgadas

Pero non é a única información ao redor do iPad que temos nas últimas horas, senón que tamén sorprenderon dende Samsung ao falar da cantidade de compoñentes que están a vender a Apple para a fabricación do seu tablet, dando a entender que a finais do presente ano a compañía de Cupertino lanzará un iPad con pantalla de 7,85 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, que podería buscar un enfrontamento máis directo con dispositivos como o Kindle Fire ou, simplemente, tomar o relevo do actual iPad 2 no catálogo de Apple como un dispositivo máis asumible que poida diferenciarse fisicamente por algo máis que a resolución de pantalla.

Mass Effect Infiltrator actualizarse para aproveitar as posibilidades dos novo iPad

Adaptándose á nova resolución de pantalla

A chegada do novo iPad pode decepcionar a moitos compradores iniciais, pois aínda que vaian gozar dun hardware revolucionario, o software aínda non está á altura, e as aplicacións máis populares poderían tardar semanas/meses en actualizarse para soportar a nova resolución de pantalla, o que queren aproveitar algunhas compañías para destacar. Deste xeito Electronic Arts xa se lanzou a asegurar que están a traballar en actualizacións dos xogos Mass Effect Infiltrator e Real Racing 2 de xeito que aproveitarán as posibilidades do novo iPad en breve. Teriamos así uns xogos con máis resolución e, posiblemente, cun maior uso de efectos visuais.

PUBLICIDADE