Aberto o prazo para presentarmos unha candidatura ao Premio Open Data do CPEIG

xoves, 24 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profeisonal de Enxeñaría en Informática de Galicia

Os Premios Open Data, cuxa primeira edición foi anunciada os días pasados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) no transcurso dunhas xornadas sobre (precisamente) datos abertos, xa ten aberto o prazo para achega de candidaturas. Estas, informa o CPEIG, deberán presentarse antes do 12 de xuño, co fin de defendelas en público, os seus responsábeis, nunhas xornadas que se celebrarán dous días despois no salón de actos do CERSIA, en Santiago de Compostela.
Segundo conta a plataforma profesional galega que preside Fernando Suárez, a idea destes galardóns é pór de relevo a importancia da filosofía do Open Data (ligada ao software libre na súa defensa do coñecemento accesíbel e libre) como factor a prol do emprego e a riqueza.
Estes beneficios do coñecemento aberto son posíbeis grazas ás posibilidades que pon en xogo para a aparición de oportunidades de negocio para emprendedores que poderán, en virtude desta filosofía-metodoloxía, crear novas aplicacións, servizos e produtos. De feito, outro dos obxectivos complementarios deste galardón é potenciar ao máximo o espírito emprendedor na nosa terra. “O futuro”, engade o CPEIG ao fío desta cuestión do potencial de riqueza económica e innovación, “encamíñase na dirección de modelos de negocio online que evolucionan constantemente para satisfacer a inmediatez e a personalización da demanda actual”.
A dotación do premio é de 600 euros para o proxecto gañador, 400 euros para o segundo clasificado e 200 euros para o terceiro.

PUBLICIDADE