Aberto o prazo de solicitude das axudas da Xunta para contratar Internet no fogar

luns, 2 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Din os máis pesimistas que este 2012 vai ser un dos peores anos do século, que haberá que apertar o cinto e que a crise non só non vai dar un respiro senón que aínda vai azoutarnos con máis saña. Porén dende a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sabedores de que quedar de brazos cruzados non é a mellor solución para pasar esta mala etapa, comezaron o ano facéndolle fronte aos malos augurios, e habilitando un programa de axudas para contratar Internet no fogar, destinado ás familias galegas con menos recursos.
Os beneficiarios destas axudas, que se poden solicitar xa dende hoxe, son as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso ás entidades colaboradoras da iniciativa, actualmente R e Telefónica.
As familias interesadas en acollerse a este programa de axudas (que por certo, remata o 30 de setembro ou cando se esgote o crédito orzamentario) poden solicitar información nos teléfonos gratuítos 1004 de Telefónica e 1445 de R, ou acudir as oficinas de venda destes operadores, que se encargarán de xestionar a subvención.
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40 por cento do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe da primeira cota mensual será asumido pola entidade colaboradora, é dicir, R ou Telefónica dependendo da compañía que contratemos.
O orzamento para esta iniciativa supera os 570.000 euros, cos que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pretende levarlle Internet de calidade a máis de 3.000 familias galegas.

PUBLICIDADE