AT&T permite vixiar o fogar dende a Rede e o móbil

venres, 27 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A operadora AT&T anunciou un interesante servizo nos EE.UU. que permite a monitorización doméstica dende calquera lugar o que axudaría a vixiar a nenos pequenos ou, simplemente, por seguridade. Por 200 dólares pódese mercar un kit que inclúe unha cámara, un sensor para unha porta ou fiestra e un router central para conectar os dispositivos á Internet.
Ademais AT&T dispón dunha completa tenda de dispositivos compatibles, coma sensores para a auga, medidores de temperatura, detectores de movemento e mesmo controladores de corrente (para apagar e acender luces ou electrodomésticos) que poden instalarse polo fogar para mellorar a súa seguridade.
O servizo custa 10 dólares/mes e permite ver as imaxes dende a Rede ou dende móbiles da operadora Cingular, o que serve para comprobar se nos están a roubar ou se acontece algún incidente no fogar, pois non só se poden consultar as imaxes tomadas polas cámaras en calquera momento, senón que se poden detectar intrusos, cambios de temperatura, aperturas de fiestras e portas e mesmos perdas de auga, o que permitirá a moitos estar tranquilos lonxe do fogar.

PUBLICIDADE