AMD presenta novos procesadores Ryzen

luns, 27 de maio do 2019 Marcus Fernández

Aínda que o grande referente dos procesadores de equipos informáticos continúa a ser Intel, dende AMD están a esforzarse para conseguir superalos especialmente á hora de conseguir unha grande potencia a un prezo moi axustado, o que están a conseguir con grande éxito coa súa familia Ryzen, que estreará a súa terceira xeración o vindeiro 7 de xullo, e unha vez máis promete deixarnos coa boa aberta.
Os novos procesadores de escritorio de terceira xeración AMD Ryzen parten dun modesto Ryzen 5 3600 de 6 núcleos que venderase a 199 dólares e chega até o impresionante Ryzen 9 3900X de 12 núcleos e 24 fíos que venderase a un prezo de 499 dólares, o que resulta abraiante xa que competirá directamente co Intel Core i9-9920X á venda por uns 1.189 dólares. E non só AMD melloraría a Intel en prezo, senón tamén en eficiencia, xa que o Intel Core i9 sería de 165 watts, mentres que o procesador de AMD conformaríase con 105 watts para operar.
Dende AMD aseguran que o Ryzen 9 3900X é capaz de superar en máis do 16% ao Intel Core i9-9920X renderizando en Blender, e presumen de que o Ryzen 7 3800X é capaz de igualar en rendemento a un Intel Core i9-9900K no PUBG (falamos dun procesador de AMD que venderase por 399 dólares, mentres que o de Intel sitúase en preto dos 500 dólares).
Estes novos procesadores están claramente enfocados aos afeccionados aos videoxogos, e grazas ao seu prezo tan axustado poden conseguir converterse en produtos de bastante éxito no verán.

PUBLICIDADE