A webcam MX Brio aposta pola ultra alta definición

mércores, 6 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Logitech presentou hoxe a nova cámara web MX Brio, para usuarios esixentes, de aí que estea integrada na Serie Master xunto aos teclados e ratos MX que son todo un referente para os usuarios profesionais. A webcam 4K axuda aos profesionais creativos e desenvolvedores a mellorar a súa presenza virtual e compartir eficientemente resultados e ideas.
A resolución 4K da webcam MX Brio e o seu sensor avanzado demostran a innovación continua de Logitech con un 70% de píxeles máis grandes que a Brio 4K, a webcam insignia anterior, ofrecendo unha imaxe ultra nítida. A calidade de imaxe mellorada con IA leva a corrección automática de luz máis lonxe con melloras de imaxe baseadas na cara que proporcionan unha imaxe máis natural e vídeos con 2 veces mellor visibilidade da cara e 2 veces máis detalles de imaxe en condicións de iluminación difíciles en comparación coa Brio 4K.
As opcións avanzadas de personalización permiten aos usuarios afinar a súa aparencia axustando manualmente a exposición, o ton, a viveza, o campo de visión e máis usando Logi Options+, Logi Tune e o software G HUB. O modo Show facilita aos usuarios compartir esbozos ou outros obxectos físicos nas súas mesas simplemente inclinando a webcam. A MX Brio tamén ten dous micrófonos con beamforming para reducir o ruído de fondo e que se escoite con claridade, así como unha pestana de privacidade integrada.
A MX Brio é capaz de captar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo ou vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo, o seu sensor de imaxe Sony STARVIS de 8,5 Mpíxeles tamén facilita que poida realizarse un zoom dixital de 4x, conéctase ao ordenador a través dun cable extraíble USB-C de 1,5 metros e inclúe un clip de montaxe extraíble (podendo tamén empregarse con trípodes que conten con rosca estándar).
A nova cámara está dispoñible en opcións de cor gris grafito e gris pálido a un prezo recomendado de venda ao público de 239 euros.

PUBLICIDADE