A telefonía móbil, á cabeza das reclamacións dos consumidores

mércores, 26 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxe do campionato de lanzamento de terminais de Savonlinna, nos Estados Unidos.

O sector tecnolóxico non sae especialmente ben parado entre todos os sectores de mercado que son motivo de queixa por parte dos consumidores. Máis ben o contrario, sobre todo no que se refire ó eido da telefonía móbil, eido aínda en alza (por moito que haxa xa máis móbiles que habitantes en España e que pensemos que por iso ten que tocar teito) e do que en ocasións é máis difícil desvincularse que dun mal de ollo. O caso é que a Organización de Consumidores e Usuarios vén de dar a coñecer os datos estatísticos das reclamacións rexistradas en España en 2007 pola súa asesoría xurídica, constituíndo estas un total de 250.881.
A xulgar pola cifra que achega o eido da telefonía móbil ó total, 14.552 protestas, a cantidade de xente que se sente estafada ou enganada polo trato das operadoras segue a ser importante e (o peor de todo) nada hai que indique que a situación se vaia corrixir a curto ou medio prazo.
Ou sexa: continuarán a publicidade enganosa, os reclamos inoportunos (ese lixo de mensaxes de suposta busca de compañía) ou a longa listaxe de atrancos para dármonos de baixa ou cambiar de operadora (máis atrancos que para dar a volta ó mundo).
Ás reclamacións motivadas polo mal servizo na telefonía móbil séguenas en número as xurdidas no sector da vivenda en propiedade (con 12.448 queixas) e impostos (con 12.196), nas entidades financeiras (11.352) e na telefonía fixa (10.804).
Os greatest hits do servizo de Internet
Asemade, tampouco brilla unha boa parte das empresas que achegan servizos de acceso a Internet segundo puidemos ver en outro estudo complementario da Asociación de Internautas. Polo que atinxe ás compañías de Rede peor valoradas, sinala a AI, a ristra de greatest hits ficaría deste xeito: Ya.com, Orange, Ono, Tele2 e Jazztel. Pola contra e no outro extremo da liña temos a Telefónica, Telecable e Euskaltel como as mellor valoradas por parte dos usuarios.

PUBLICIDADE