A revista Wired prefire o Zune 2 ó iPod Classic

mércores, 12 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A revista norteamericana Wired é todo un referente sobre a cultura dixital, e sorprendeu cun artigo no que comparan as prestacións do novo reprodutor multimedia de Microsoft, o Zune 2, coa versión clásica do iPod, ambos nas súas capacidades de 80 Gb, co abraiante resultado de que recomendan a compra do Zune.
Na enquisa que realizan dende a web da revista o iPod Classic aínda é máis popular que o Zune 2, pero hai que recoñecer que o principal argumento do reprodutor de Apple está en que a súa marca xa se converteu en sinónimo de reprodutor multimedia, polo que o público conta con prexuízos con respecto a alternativas como a de Microsoft.
Na comparativa, o Zune gaña ó iPod en tamaño de pantalla (3,2 polgadas fronte a 2,5), a radio FM e pode compartir ficheiros e sincronizarse co ordenador sen fíos. A tenda en liña do Zune tamén mellorou de xeito importante e xa inclúe 3 millóns de cancións, aínda que iTunes segue a ser a raíña do contido. O iPod Classic segue a vencer en popularidade, e o seu prezo é inferior, pero hai que recoñecer que o reprodutor de Microsoft xa parece ser unha auténtica alternativa ó iPod nos EE.UU., aínda que non se sabe cando chegará ó mercado europeo.

PUBLICIDADE