A rapazada de Talentos Inclusivos do CITIC mostra unha decena de revolucionarias solucións

venres, 17 de xuño do 2022 S. P.

A segunda edición do proxecto Talentos Inclusivos, posto en marcha polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, chegou este venres 17 de xuño ao seu remate coa presentación de preto dunha vintena de solucións tecnolóxicas desenvolvidas para mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral. Detrás destas solucións, concibíndoas e dándolles corpo, atopábanse preto de 200 estudantes da Coruña e a súa contorna. A iniciativa conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
Este proxecto ten o obxectivo de “espertar vocacións tecnolóxicas entre a xuventude, á vez que trata de sensibilizar sobre a diversidade funcional”.
Durante todo o curso escolar, preto de dous centenares de estudantes de Secundaria e Bacharelato de 10 centros educativos da provincia da Coruña, xunto con arredor de 30 usuarios de ASPACE, resolveron retos tecnolóxicos propostos polos propios usuarios, para facilitar diferentes actividades da súa vida diaria. Estes desenvolvementos xa teñen aplicación real, posto que están sendo utilizados polo centenar de usuarios de ASPACE Coruña.
A mesa de apertura do acto contou coa presenza do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, que felicitou ao alumnado polo éxito dos retos desenvolvidos. A presidenta de ASPACE Coruña, Carmen Barreiro Santos, asegurou que Talentos Inclusivos “supuxo un antes e un despois en ASPACE, xa que cambiou a vida das persoas da nosa entidade”.
A continuación, o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado, explicou que “o Consello Social confía no enorme potencial deste proxecto, xa que é a viva imaxe da inclusión”.
Pola súa banda, a directora do departamento de Cultura Científica e da Innovación da FECYT, Rosa Capeáns Garrido, quixo salientar que “Talentos Inclusivos reflicte como o futuro da comunicación científica inclusiva está xa acontecendo, posto que axuda a facer que a ciencia e a tecnoloxía cheguen a todo o mundo”.
Seguidamente, a subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Mª Eugenia Pérez Fernández, manifestou que a “Consellería está traballando conxuntamente co CITIC para potenciar o programa, que é un caso de éxito de colaboración entre institucións para avanzar cara un modelo educativo plenamente inclusivo”.
Finalmente, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Celemín Santos, eloxiou aos estudantes por ser “un exemplo de cara onde debe camiñar a sociedade” e destacou a importancia da educación en valores.
O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, pechou o acto e avanzou que o proxecto contará cunha terceira edición, na que se seguirá traballando “para conseguir unha sociedade más xusta, máis inclusiva e máis solidaria”. Tamén indicou que “Talentos Inclusivos está aliñado co obxectivo principal do CITIC, que é proporcionar coñecemento científico nas TIC en beneficio da sociedade”.
Os equipos de estudantes presentaron os seus traballos, introducidos polo investigador principal do proxecto e subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, e a coordinadora do proxecto en ASPACE, Iria Robles Viqueira. Os centros educativos participantes nesta segunda edición foron o IES Miraflores de Oleiros, que desenvolveu ramplas de accesibilidade en impresión 3D; o Colexio Calasanz PP. Escolapios de Coruña, que realizou un comunicador en contorna Scratch que interactúa con Alexa; o IES Terra de Trasancos de Narón, que elaborou un dado electrónico con Arduino con carcasa con impresora 3D e un licornio en impresión 3D; o IES de Ortigueira, cun timbre sen fíos adaptado para avisar ao coidador; o IES Sofía Casanova de Ferrol, que creou adaptacións dun timbre sen fíos, un mando a distancia de televisión e o videoxogo Tetris, así coma un xogo de luces para traballar a mobilidade; o IES Agra do Orzán da Coruña produciu un xogo de luces para traballar a mobilidade e un mesturador de datos con premedor; o IES Ramón Menéndez Pidal - Zalaeta da Coruña levou a cabo os retos dun dominó para persoas con baixa visión e diferentes elementos de ocio-musical controlados por sensores; o IES As Mariñas de Betanzos desenvolveu unha mesa de luz sensorial e un dominó adaptado; o IES David Buján de Cambre realizou produtos de accesibilidade para o ordenador e a tableta con impresión 3D; e o IES Rego de Trabe de Culleredo elaborou un comunicador en téxtil intelixente que envía mensaxes en resposta a estímulos.

PUBLICIDADE