A presidencia de EE.UU. veta a prohibición da importación do iPad 2 e o iPhone 4

luns, 5 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A guerra de patentes entre Apple e Samsung continúa a xerar polémica nos EE.UU., que parece ser o único territorio no que Apple consegue grandes vitorias fronte ao fabricante surcoreano, dando a impresión de que estamos ante un caso de parcialidade case insultante, especialmente se temos en contra a última resolución da Presidencia dos EE.UU., que vén de exercer o seu dereito ao veto ante unha resolución da Comisión Internacional de Comercio (ITC) que determinou que os modelos con conectividade móbil do iPad 2 e o iPhone 4 infrinxían unha pantente de Samsung, polo que ordenaba o bloqueo das súas vendas dentro dos EE.UU.
Estamos ante a primeira ocasión dende 1987 na que se veta unha prohibición de importación ordenada pola Comisión Internacional de Comercio, o que molestou especialmente a Samsung, compañía que asegura que estivo a negociar con Apple para que puidera regularizar a situación adquirindo a licencia que infrinxiron. A resolución da ITC apelouse por parte de Apple, esperándose unha resolución final para o vindeiro venres.

PUBLICIDADE