A nova interface da Xbox 360 chegará o 19 de novembro

xoves, 9 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os avatares son unha interesante innovación para o Dashboard da Xbox 360

Nas últimas semanas falamos bastante das novidades que achegará o novo Dashboard da Xbox 360, quedando pendentes de coñecer a súa data de lanzamento oficial, que por fin se desvela, e será o 19 de novembro cando chegue a 24 países en 19 idiomas, confirmando as datas das que se viña a falar dende hai semanas.
A agardada data foi anunciada por John Schappert, vicepresidente de Xbox LIVE, durante o Tokyo Game Show, amosando á audiencia imaxes da nova interface que parece moi prometedora, á vez que tamén publicou datos de vendas da Xbox 360 trala súa rebaixa de prezo, asegurando que a consola de Microsoft dobrou as súas vendas en EE.UU., as incrementou un 62% e as quintuplicou no Xapón. Xunto co feito de que Sony está perdendo exclusividades en xogos (como Final Fantasy XII e Tekken 6) parece que á consola de Microsoft lle agarda un bo futuro.

As consolas de Microsoft empaquetaranse con xogos de balde

Na feira de videoxogos nipona tamén se presentaron novos packs para a Xbox 360, nos que empaquetan xogos coas consolas aparentemente sen incrementar o seu prezo (o que sería unha boa nova para os futuros compradores). O modelo máis básico da consola, a Xbox 360 Arcade, incluirá o xogo Sega Superstar Tennis, mentres que os modelos superiores se venderán cos xogos LEGO Indiana Jones e Kung-Fu Panda, dando a impresión de que con estas ofertas Microsoft busca achegarse a un público ocasional ou familiar, que tamén recibiría bastante ben a anunciada reforma do Dashboard (que introduce avatares, incrementando a sociabilidade da consola a través de Xbox LIVE).

Presentación do novo Dashboard da Xbox 360 durante o Tokyo Game Show

PUBLICIDADE