A nova edición de eShow celébrase en Barcelona os vindeiros 25 e 26 de marzo

martes, 17 de febreiro do 2015 Redacción

Barcelona vai acoller o mes vindeiro, o 25 e o 26 de marzo, a edición número 17 do salón eShow, sen dúbida unha das feiras máis relevantes do mundo en materia de comercio electrónico, mercadotecnia en liña, redes sociais, dispositivos móbiles e Internet das cousas. O evento eShow, segundo indican os seus responsábeis a cita TIC máis referencial de Iberoamerica, celebrarase no pavillón número 1 da Fira de Barcelona (recinto Montjuïc), onde se darán cita até 180 marcas do sector procedentes de ámbalas beiras do Atlántico. No evento exporanse as últimas tendencias nacionais e internacionais ao tempo que se achegará “un completo programa de conferencias, foros de debate e sesións de traballo en rede”. A columna vertebral desta edición será unha aposta integral por tirar abaixo fronteiras.
A axenda da xuntanza inclúe relatorios a cargo de Matt Crystal, de Pinterest, Kevin Gardiner, de Macy´s, Jon Matonis de Bitcoin Foundation, Tom Buday, de Nestlé Suíza, entre outros representantes internacionais do sector dixital. Entre os temas a tratar figuran os seguintes: a relevancia experiencia do usuario no comercio electrónico, as novas formas para chegar aos clientes a través das redes sociais, a estratexia de comunicación en liña das grandes marcas, o afianzamento de divisas electrónicas como forma de pago dixital ou o espallamento internacional dos xigantes mundiais do ecommerce.
O programa tamén inclúe a celebración de actividades como a Digital Travel Summit (para coñecer as últimas tendencias en turismo dixital e os novos modelos de distribución turística) e a Net Fashion Forum (debates e casos de éxito sobre tecnoloxía e moda ou sobre a experiencia dixital na tenda física e o vídeo como aposta de marca e negocio). Tamén haberá, en colaboración con Casa Asia, un foro internacional sobre a situación actual do ecommerce e a mercadotecnia dixital en China. Igualmente, están convocados nesta edición os eAwards, os premios que recoñecen publicamente as innovacións desenvolvidas polas páxinas web estatais, a súa excelencia, profesionalidade, investigación e desenvolvemento, coa finalidade de mellorar a experiencia de compra dos clientes ou navegantes. As inscricións poderán realizarse a través da páxina web de eShow Barcelona 2015.

PUBLICIDADE