A nova edición de FIC OnLan chega esta fin de semana cargada de Rede, xogos... e Entroido

xoves, 7 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Como advertimos os días pasados, a mocidade galega que proxectase estar en liña a longa fin de semana que vai do 8 ao 12 de febreiro, ía ter a posibilidade de recuncar pola banda da Coruña. O motivo? A nova edición, a cuarta xa, da party informática FIC OnLan, cita especial e específica para os seareiros da informática e as novas tecnoloxías “que queiran pasar unha ponte alternativa no Entroido”. Se cadra por coincidir con esta festividade tan galega, se cadra porque a organización intensificou a campaña de comunicación, o caso é que este ano acadouse un novo fito en materia de inscricións: un cheo absoluto na reserva das preto de 200 prazas dispoñíbeis en menos de seis horas, segundo nos conta a Universidade da Coruña.
Nesta cuarta convocatoria da xuntanza coruñesa están programadas, amais de actividades ligadas ao Entroido, conferencias e mesas redondas sobre últimas tecnoloxías e máis competicións “para pór a proba as diferentes habilidades informáticas dos participantes en programación, intelixencia artificial e deseño gráfico”. Tamén haberá marxe para torneos de videoxogos en liña e minixogos sorpresa. No andar baixo da Facultade de Informática, até o remate do evento, a asociación cultural ManGalego administrará a ExtraNet, unha zona para dar acubillo aos seareiros galegos das TIC que non tiveron ocasión ou oportunidade de formalizar a inscrición e, malia todo, desexen estar ao tanto do que se coce na party. Terán á súa disposición videoxogos, xogos de mesa e outras actividades de lecer e formativas.

PUBLICIDADE