A empresa galega Meigasoft certifica a seguridade das súas tendas con Trusted Shops

luns, 15 de marzo do 2021 S. P.

A empresa galega Meigasoft comezou o ano cun importante recoñecemento á súa excelencia en materia de desenvolvemento. Trátase da obtención, este 2021, da certificación oficial de Trusted Shops pola súa solución Velfix. A empresa de programación galega, que xestiona máis de 70 tendas online de moda tanto en Galicia coma do resto de España, xa é colaboradora certificada oficial de Trusted Shops, que ten entre os seus principais cometidos apostar pola seguridade á hora de mercar na Rede e facilitar aos consumidores sitios seguros onde facelo.
Meigasoft lembra que se trata da primeira empresa tecnolóxica galega en contar con esta certificación, o que supón, sinalan dende Meigasoft, “un avance no posicionamento de Galicia no mercado en liña, dado que unha gran porcentaxe dos clientes da nosa empresa proceden da Comunidade”.
Meigasoft e Trusted Shops traballaron man a man para cumprir o estándar de calidade que verifica que as tendas online desenvolvidas con esta tecnoloxía cumpren todas as normativas legais a nivel europeo. A solución galega apostou dende os seus inicios por un desenvolvemento a medida e unha atención personalizada que facilitasen as vendas aos seus clientes. “Porén”, explican dende Meigasoft, “os avances continuos do sector fan que cada día xurdan novidades ás que adaptarse para mellorar o servizo, como a implantación do selo de Trusted Shops”. Para logralo, a empresa galega fixo evolucionar a súa solución e traballou ombro con ombro cos seus clientes para dar novos pasos en seguridade, “cumprindo uns exhaustivos controis de calidade, como adecuación de directrices legais ou control sobre os procesos de venda de cada unha das tendas”.
Algunhas das vantaxes de Trusted Shops son aumentar o tráfico na web, incrementar a taxa de conversión, diminuír o abandono dos carriños ou incrementar o mantemento no tempo dos clientes. Despois da compra, as tendas poden ser estimadas a través do seu sistema de valoración que permite que os compradores poidan axudar a outros clientes a informar sobre a súa experiencia de compra na tenda e obter ao mesmo tempo tamén a opinión sobre os produtos comprados.

PUBLICIDADE