A crise non afecta á venda de ordenadores en España

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Un dos emblemáticos ultraportátiles Asus Eee PC xunto a un portátil de Acer

Pese a que se fala de crise económica e nos EE.UU. parece que a electrónica de consumo está a notar as consecuencias como indicaría o peche das tendas de Circuit City (aínda que este peche podería atender máis a unha deficiente xestión que á conxuntura económica), polo momento España parece estar a salvo, e segundo IDC as vendas de ordenadores medraron un 18,2% en 2008, o que afectou especialmente ao sector dos portátiles, que con 4,1 millóns de unidades supuxo un incremento do 42,4%, o que podería responder en boa medida á aparición dos ultraportátiles de baixo custo.
Os ordenadores de sobremesa están a reducir as súas vendas de xeito considerable, por mor do crecemento da popularidade dos portátiles, especialmente nos fogares.
No tocante ás marcas, Acer sería o fabricante líder en España, separándose cada vez máis dos seus competidores, copando xa o 29% e crecendo un 64,5% con respecto do exercicio anterior, quedando HP nun segundo lugar co 25,5% dos equipos vendidos, mentres que Asus sorprende polo seu crecemento, que no último trimestre do ano sería un 143,6% interanual, o que parece responder directamente aos seus ultraportátiles Eee PC. Deste xeito, Asus quedaría coma o 4 fabricante de informática en España, por detrás de Dell, aínda que estes últimos se teñen que conformar cun 5,3 e un 7,1% da cota de mercado, quedando moi afastados de Acer e HP.

PUBLICIDADE