A canle galega Divulgare rexistrou 500.000 descargas e visitas dende 142 países

luns, 20 de xaneiro do 2014 Redacción

A canle de comunicación Divulgare, unha iniciativa do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución coordinada e impulsada polo profesor Luis Navarro, volve estar nos medios. A Universidade de Vigo vén de ofrecer unha completa reportaxe sobre os froitos recollidos ao longo dos seus cinco anos anos (xa) de vida. Divulgare, lembran, naceu en en xaneiro de 2009 “como un experimento co que se pretendía analizar a viabilidade de achegar a ciencia que se fai nos laboratorios á sociedade”. Un lustro despois os seus vídeos descargáronse máis de 500.000 veces e visitáronse desde 142 países.
Ademais, os responsábeis desta canle TIC contan xa co aval de ter recibido unha ducia de premios internacionais, tanto no ámbito da divulgación científica como en festivais de cine convencional. “Estamos moi orgullosos do enorme traballo que xeramos nestes anos e de ter sido quen de producir material en español, galego, inglés, portugués, éuscaro e incluso tailandés”, subliña Luis Navarro, que está acompañado neste proxecto polo profesor José Mª Sánchez e outra ducia de investigadores de procedencias tan diversas como Cuba, Colombia, Venezuela e Portugal. “Son o actual equipo de Divulgare, pero o certo é que temos colaboradores espallados por todo o mundo”, salienta Navarro na reportaxe da Universidade de Vigo, ao tempo que explica que neste tempo Divulgare leva publicados máis de 30 vídeos diferentes. Tamén salienta que tralo éxito desta canle tecnolóxica está o traballo conxunto de máis de 20 científicos “que se implicaron no proxecto de forma totalmente desinteresada”, pero tamén de varios artistas gráficos; de actores-dobradores que poñen voz aos vídeos e dos técnicos de son. Igualmente, fai saber que dende as orixes do proxecto tiveron claro que o seu ámbito natural de traballo ía ser Internet, unha plataforma na que os responsábeis de Divulgare din sentirse cómodos, e na optaron polo formato de vídeos curtos “xa que moi poucos internautas dedican máis de cinco minutos a un mesmo tema”.

PUBLICIDADE