A Xunta remitirá os datos electorais por SMS

mércores, 11 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Este ano, por primeira vez nunhas eleccións autonómicas, os galegos e galegas poderemos solicitar o envío de mensaxes curtas aos nosos móbiles con información sobre os avances e os resultados do escrutinio provisional do ámbito que desexemos, provincial ou autonómico.
Os datos chegarán por medio de SMS aos nosos móbiles e poderán obterse a partir de dúas modalidades: mediante unha subscrición que facilita información en catro momentos do escrutinio ou solicitando en calquera instante o resultado en tempo real do escrutado.
Aqueles usuarios que soliciten previamente o servizo de aviso por SMS, recibirán os datos nos seguintes momentos da xornada electoral: na constitución das mesas electorais, no reconto de participación ata as 12:00 horas, no reconto ata as 17:00 horas e ao acadadar o 25 por cento, o 50 por cento o 75 por cento e o 100 por cento escrutado.
Os SMS remitidos polas autoridades conterán información relacionada coa porcentaxe de escrutinio, porcentaxe de abstención e número de cargos obtidos por cada candidatura. Presentaranse en formato sinxelo e de doada lectura e o seu custo será o dunha mensaxe de móbil ordinaria, en función do operador empregado e sen ningún tipo de cargo adicional.
Os e as cidadás que o desexen, xa poden darse de alta no servizo a través das seguintes mensaxes de texto:

ELEC ALTAGA ao 7743 (para subscribirse a Galicia)
ELEC ALTAAC ao 7743 (para A Coruña)
ELEC ALTALU ao 7743 (para Lugo)
ELEC ALTAOU ao 7743 (para Ourense)
ELEC ALTAPO ao 7743 (para Pontevedra)

Servizo de consulta
Adicionalmente, os cidadáns que o desexen poderán recibir información actualizada en tempo real dun ámbito xeográfico concreto enviando unha SMS a este servizo en calquera momento da xornada electoral. O servizo, que estará operativo desde a apertura dos colexios electorais o 1 de marzo, ofrecerá ao seu usuario a última información relativa ao ámbito solicitado a través doutra mensaxe de resposta e sen custo adicional. Para recibir esta información enviarase o seguinte texto:

ELEC GA ao 7743 (para consultar Galicia)
ELEC AC ao 7743 (para A Coruña)
ELEC LU ao 7743 (para Lugo)
ELEC OU ao 7743 (para Ourense)
ELEC PO ao 7743 (para Pontevedra)

Difusión para teléfonos móbiles avanzados
Por outra banda, os cidadáns poderán, asemade, acceder a través de teléfonos móbiles avanzados á información de escrutinio e resultados provisionais. Esta canle de difusión sumase aos tradicionais sistemas de Internet, xuntando esforzos en torno ás novas tecnoloxías para achegar facilidades aos cidadáns, estean onde estean. O enderezo onde se poderá consultar os datos é www.resultadoseleccions.xunta.es, que estará operativo o día da xornada electoral.
Segundo datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en Galicia o 81,9% da poboación entre 16 e 74 anos de idade utiliza teléfono móbil, é dicir, máis de 2 millóns de persoas. Ademais, ao redor do 36% desta poboación accede a Internet a través de móbiles avanzados.
Para obter máis información sobre estes servizos, ademais do teléfono gratuíto de información ao elector (900 878 765), pódese consultar a páxina web das Eleccións ao Parlamento de Galicia (www.eleccions09.xunta.es) dentro do apartado Información ao elector .

PUBLICIDADE