A Xunta presenta o programa XIGA, para mellorar a innovación das empresas galegas

mércores, 16 de decembro do 2009 Raquel Noya

A cidade de Santiago de Compostela vén de dar acollida á presentación do proxecto de creación da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) que tivo lugar esta mesma mañá da man do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández e o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla Pueyo.
Este proxecto, pioneiro en España, será o resultado dun programa piloto de formación de técnicos especialistas en materia de I+D+i, e a súa incorporación a 50 empresas galegas que os precisan para mellorar a súa innovación así como a súa facturación anual.
As pequenas e medianas empresas participantes nesta primeira acción do Programa para o Impulso da Innovación das Pemes Galegas promovido por Economía e Industria recibirán axudas importantes para facerlle fronte aos gastos derivados da contratación destes expertos, que se materializarán no 70 por cento do custo laboral o primeiro ano, o 50 por cento o segundo, e o 30 por cento o terceiro, sempre coa limitación máxima de 30.000 euros anuais en concepto de axuda.
A xunta vén de anunciar que ao longo do mes de xaneiro de 2010 procederase á selección dos candidatos a xestores expertos en innovación, que deberán posuír unha titulación superior; ter experiencia previa ou formación no eido da I+D+i; e contar con dominio do inglés e habilidades en TIC.
A continuación, durante os meses de febreiro e marzo de 2010, terá lugar o programa de formación intensiva dos 50 candidatos seleccionados con 320 horas de sesións presenciais sobre temas relacionados coa xestión da innovación (sistemas de xestión da I+D+I, xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+I, novas tecnoloxías, vixilancia tecnolóxica, fiscalidade da innovación, xestión da calidade, etc.).
Paralelamente, desenvolverase unha convocatoria pública para pequenas e medianas empresas, a través da que as entidades interesadas en integrar no seu cadro de persoal a un xestor da innovación no marco deste programa deberán presentar a súa solicitude. Os requisitos que debe cumprir a empresa para poder participar nesta acción son: reunir a condición de peme (menos de 250 empregados); atoparse ao corrente en todas as súas obrigas fiscais; e ter experiencia previa en iniciativas de I+D+i e/ou plans en firme de abordalas nun futuro inmediato.
A incorporación laboral dos xestores de innovación nas 50 pemes beneficiarias do programa terá lugar durante o segundo trimestre do 2010, co apoio financeiro da Consellería de Economía e Industria desde a primeira nómina.
Estes profesionais traballarán en cadansúa empresa con total autonomía e contarán co soporte da Rede XIGA a través da plataforma en liña que lle dará soporte a partir do segundo trimestre de 2010. Esta plataforma, deseñada con base nas ferramentas 2.0 dispoñibles en Internet (redes sociais, foros, repositorios de documentos e todos os recursos dispoñibles para compartir e interactuar), servirá para a continua actualización de coñecementos, a posta en marcha de ideas e proxectos que impliquen a cooperación de varias empresas, o intercambio de experiencias...

PUBLICIDADE