A Xunta acorda medidas clave para o desenvolvemento tecnolóxico do país

venres, 27 de agosto do 2010 Raquel Noya

Os principais axentes sociais do noso país e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, veñen de acordar, na Mesa 2 de Diálogo Social celebrada recentemente, o desenvolvemento de 28 liñas de actuación en materia de novas tecnoloxías para avanzar na implantación efectiva das TIC na nosa comunidade.
Así o explicou esta mañá a responsable deste departamento autonómico, Mar Pereira, quen, acompañada do director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada, achegou as claves do devandito acordo.
As liñas de actuación en materia de novas tecnoloxías, aprobadas polos representantes sindicais e empresariais abranguen o desenvolvemento de infraestruturas de banda larga, a extensión do modelo de eGoberno ás administracións públicas galegas, a racionalización e simplificación administrativa, a incentivación e desenvolvemento do sector TIC galego, o impulso da alfabetización dixital e a potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia.
Neste senso, Mar Pereira destacou o Plan de Banda Larga de Galicia (2010-2013) como unha ferramenta axeitada “para posibilitar o acceso á banda larga de todos os galegos e galegas”.
Con respecto a esta medida, o acordo coa Mesa 2 de Diálogo social contempla “a posta en marcha dun plan sectorial de infraestruturas de redes públicas necesario para unha axeitada ordenación do territorio en función dos servizos de telecomunicacións a prestar á cidadanía”.
Outra das apostas da Administración galega, segundo indicou Mar Pereira, “é avanzar cara o modelo eGoberno, unha nova forma de relación entre Administración cidadanía e empresas que se concreta en cinco áreas de actuación, eAdministración, eConcellos, eEducación eSanidade e eXustiza, como se acordou cos axentes sociais”.
En canto ao desenvolvemento da eEducación, a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia suporá, segundo a secretaria, “a conversión dos colexios e institutos galegos en Centros Educativos Dixitais (Proxecto Abalar)”.
Dentro do ámbito da eSanidade, realizouse a integración de toda a información clínica nun documento dixital e a súa posta a disposición dos profesionais sanitarios. Este fito permite que calquera paciente poida ser atendido en distintos puntos de Galicia en calquera dos niveis asistenciais (Historia clínica Única).
En relación coa eXustiza asegurou que estase a traballar no desenvolvemento das TIC para a mellora da Administración de Xustiza en Galicia a través do Plan Senda 2014”.
Asemade, a secretaria xeral de Modernización incidiu na importancia de avanzar cara un novo modelo de administración “máis transparente, accesible e que suprima todos os trámites ou requirimentos que non aporten un valor necesario”.
Para conseguilo a Secretaría Xeral prevé a implantación progresiva da administración electrónica nos procedementos administrativos a través dos que cidadáns e empresas se relacionan coa Administración.
Por outra banda, e noutra liña de traballo, a través da Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica, a Xunta ofrecerá á cidadanía con máis dificultades os medios e ferramentas necesarios para integrar as novas tecnoloxías á súa vida cotiá. Con este obxectivo estase a promover a incorporación doutras entidades á rede, implicando ás entidades locais para poder estendela a todo o territorio galego.
Por último, para potenciar o sector empresarial das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia a Xunta deseñou diferentes liñas de actuación que, tal e como lembrou Mar Pereira, “implican a elaboración dun Plan Integral de desenvolvemento do sector en colaboración coas organizacións empresariais e sindicais da Comunidade”.

PUBLICIDADE