A Xbox 360 vendeu preto dun millón de unidades a semana pasada

martes, 29 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Nos EE.UU. comezou oficialmente a campaña de Nadal o venres pasado, co chamado BlackFriday, que tivo unha especie de segundo día de ofertas para promover as vendas adiantadas onte (Cyber Monday), e unha das compañías que está a celebrar tal éxito é Microsoft, xa que a semana pasada conseguiron vender nos EE.UU. máis de 960.000 consolas Xbox 360, o que supón o meirande volume de vendas da súa consola na súa historia.
A Xbox 360 saíu á venda hai 6 anos, conseguindo colocar no mercado preto de 60 millóns de unidades vendidas neste tempo, conseguindo tomar a dianteira á PlayStation 3 (especialmente nos EE.UU., onde ten un 60% máis de vendas que a consola de Sony), polo que sorprende que só no Black Friday conseguisen vender máis de 800.000 unidades nos EE.UU. (pois xa é unha máquina moi consolidada), ao que habería que engadir que tamén conseguiron vender máis de 750.000 sensores Kinect para a Xbox 360 durante a semana pasada nos EE.UU., o que confirmaría o éxito desta solución tecnolóxica que ao contar cunha base de dispositivos cada vez maior tamén poderá contar con máis títulos que tiren proveito dos mesmos.

PUBLICIDADE