A Xbox 360 renova o seu Dashboard

martes, 16 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Hoxe agárdase a chegada de Xbox Music á Xbox 360, pero non é o único cambio que experimentará na xornada de hoxe a consola doméstica de Microsoft, senón que tamén comezará a recibir o seu novo Dashboard, interface de uso da Xbox 360 que irá espallándose durante a vindeira quincena, e que incorpora cambios moi interesantes, aínda que unha das prestacións máis agardadas, o Xbox SmartGlass, agardará ao lanzamento de Windows 8 o vindeiro día 26 para estar dispoñible.
Con esta actualización a Xbox 360 gozará dun Dashboard renovado, cunha nova composición de elementos; engadirá a aplicación Internet Explorer que facilitará navegar pola web dende a consola, o que será un interesante xeito de reproducir vídeos HTML5 no televisor do salón; contará cunha nova sección de recomendacións e valoracións para axudar a descubrir contidos atractivos para o usuario; poderanse fixar elementos do sistema de menús na portada, axilizando as funcións que empreguemos con maior frecuencia; a tenda de contidos Zune Video Marketplace muda o seu nome a Xbox Video; incorpórase un sistema de busca avanzado e estréase a posibilidade de realizar buscas en español empregando as posibilidades de Kinect.

PUBLICIDADE