A Xbox 360 dobra as súas vendas en Europa grazas á súa rebaixa de prezo

venres, 18 de abril do 2008 Marcus Fernández

A baixada de prezo da Xbox 360 tivo unha importante repercusión nas vendas da consola de alta definición de Microsoft, que nun principio parecía traducirse nun incremento de consolas vendidas dun 40%, pero agora a compañía de Redmond confirma que a cousa non quedou aí, e finalmente vende o dobre de unidades, grazas a que a Xbox 360 xa é a consola de nova xeración máis barata do mercado, así como a máis veterana, polo que tamén conta cun catálogo de xogos máis extenso, así como unhas prestacións multimedia moi elevadas que a fan axeitada para o seu uso coma Media Center.
O éxito da Xbox 360 é Europa é moi importante, de xeito que esta plataforma ocuparía o 42% do gasto total dos usuarios, o que se nota especialmente no número de xogos adquiridos por cada consola, que na de Microsoft se sitúa nunha media de 7 títulos, mentres que a PS3 queda en 3,8 e a Wii en 3,5.

PUBLICIDADE