A Xbox 360 continúa a vender máis que a PS3 no Xapón

venres, 26 de setembro do 2008 Marcus Fernández

As vendas semanais de consolas no Xapón indican que a Xbox 360 continúa a vender máis que a PS3

A rebaixa da Xbox 360 provocou un incremento impresionante das vendas da consola de Microsoft en todo o mundo, pero era de agardar que tralo pulo inicial a cousa fose decrecendo, pero no Xapón se confirma que tras 2 semanas a Xbox 360 continúa a superar á PlayStation 3 en vendas, polo que parece que a consola finalmente está a calar entre o público nipón.
Os datos semanais apuntan que a Xbox 360 vendeu 13.777 unidades, mentres que a PS3 só colocou 8.156, superando por moi pouco a supostamente obsoleta PS2 (con 7.720 unidades). Dá así a impresión de que a PS3 ten serios problemas para consolidarse incluso no seu país de orixe, pois non é capaz de tomar unha posición que permite a Sony saír do túnel no que entrou coa nova xeración de consolas de videoxogos.
A situación actual da PS3 resulta moi preocupante, e o xefe de Sony Worldwide Studios, Shuhei Yoshida, nunhas declaracións a Videogaming247 culpou ao software do escaso éxito da consola de nova xeración que conta co hardware máis potente.
Yoshida admite que «o prezo é importante» (a PS3 custa máis do dobre que a Xbox 360) pero pensa que iso é relativo para moitos xogadores, que pensan na oferta de xogos á hora de investir os seus cartos, e culpa aos editores de xogos no Xapón por non tirar proveito das prestacións da PS3. Hai que admitir que case o único xogo xaponés exclusivo para PS3 que realmente resulte atractivo de xeito xeral sería Metal Gear Solid 4, que é considerado todo un vende-consolas, polo que Sony necesitaría máis produtos semellantes para impedir que a súa consola fracase nunha competición na que naceu como favorita (e está claramente en último lugar).

PUBLICIDADE