A PS3 perde a compatibilidade con Linux na súa actualización desta semana

luns, 29 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Sony anunciou que o 1 de abril lanzará unha nova versión do firmware da PlayStation 3, que chega así á súa versión 3.21, e que ben podería ser unha broma do Primeiro de Abril, pois en vez de ser unha mellora para o usuario trátase da eliminación dunha característica propia dos primeiros modelos da consola de Sony: a posibilidade de instalar Linux sobre a mesma.
Converter a PS3 nun equipo que funcione con Linux é unha posibilidade que levou a que incluso o FBI adquirise consolas para facelas funcionar en paralelo coma un superordenador, pero esta posibilidade tamén permitía certas manipulacións da consola que non sería do gusto de Sony, pois entre outras cousas podería facer posible o uso de xogos piratas, detalle que aínda hoxe non é unha realidade, pero que con este novo firmware estableceríanse medidas preventivas para evitar a piratería de xogos.
As PS3 comercializadas antes de setembro incluían no seu menú a opción de instalar outros sistemas operativos, pero os que queiran conservar tal funcionalidade non poderán actualizar o sistema da súa consola, o que fará imposible conectarse á PlayStation Network (para xogar en rede ou acceder a características en liña da consola), reproducir xogos e películas en Blu-ray que precisen dunha versión igual ou superior á 3.21 (ou sexa, os títulos que vaian saíndo nos vindeiros meses), reproducir vídeos con protección dende servidores multimedia a través de DTCP-IP e aproveitar as novas funcionalidades que vaian incorporándose á PS3.
Pese a que estamos ante unha funcionalidade moi pouco utilizada da consola de Sony, quitar unha prestación dispoñible no momento da venda dun equipo non parece algo moi xusto para o usuario, e aínda que sexa posible mantela, iso require non actualizar a consola, o que impediría un uso satisfactorio da consola. Moitos usuarios están a amosar o seu malestar ante esta medida, e consideran que se Sony quere protexer a PS3 da piratería debería mellorar a súa seguridade, para o que non é preciso facer unha eliminación rotunda dunha prestación básica (especialmente cando prometeron que non ían facer tal ao anunciar o novo modelo de PS3).

PUBLICIDADE