A PS3 non baixará de prezo para o Nadal

mércores, 29 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios que teñan pensado adquirir unha consola de videoxogos este Nadal atoparán que o panorama de prezos non cambiará con respecto ao día de hoxe, pois Microsoft xa rebaixou a súa Xbox 360 ata os 179,95 euros, Nintendo decidiu manter o prezo da Wii porque pese a non baixalo recoñece que terá problemas para atender a demanda de unidade e Sony, desafortunadamente, recoñece que non podería soportar economicamente a baixada de prezo da súa consola, tal e como recoñeceu onte mesmo en Londres un dos responsables de Sony, Ray Maguire, que admite que están a recibir moitas presións para rebaixar a PS3 prefiren «facelo correcto para os accionistas» pois a compañía xa está a ter un resultados económicos inferiores aos proxectados inicialmente, o que lles valeu a peor cotización bolsista dos últimos 16 anos.
As esperanzas de Sony están nos lanzamentos que chegarán este Nadal, o que non parece ser moi realista, xa que case todos os títulos que sairán para a PS3 (agás LittleBigPlanet) terán versión para a consola de Microsoft, polo que non parece moi arriscado avanzar que Sony está a perder a batalla polo dominio nas consolas de alta definición contra Microsoft e vai ter moi difícil unha futura recuperación, de xeito que non sobra quen está a pensar que haberá que agardar a unha nov xeración de consolas para que Sony poida recuperar posicións (xa que actualmente non domina nin o mercado de consolas domésticas nin o das portátiles).

PUBLICIDADE