A Olimpíada Informática Galega 2024 xa ten pechada a inscrición coa participación de 26 estudantes

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

Este sábado, 3 de xaneiro, terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (ESEI) da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico s/n., Campus de Ourense) de 10 a 14:30 horas a Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024). Detrás deste evento atópanse: o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galician (CPEIG) e as tres universidades galegas (UVigo, UDC e USC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.
A olimpíada, que se celebrará de xeito presencial coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, vén de pechar a inscrición con 26 participantes.
A axenda da xornada é a seguinte:
- 10h: Recepción de estudantes e acceso ás aulas.
- 10:15h: Benvida por parte do comité organizador e presentación da Olimpíada. Interveñen o presidente do CPEIG, Fernando Suárez e o director da ESEI, Arno Formella.
- 10:45h: Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba.
- 11h: Comezo da proba.
- 14h: Fin da proba.
- 14:15h: Acto de clausura, incluíndo a resolución do xurado. Intervén o vicerreitor do Campus de Ourense da UVigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo.
En canto aos inscritos, dicir que se trata de estudantes de entre 15 e 18 anos, naturais da Coruña (4 participantes, dos centros: Colexio Plurilingüe Compañía de María e CPR Esclavas del Sagrado Corazón de Jesús), Vigo (2 participantes da Escola Rosalía de Castro e do IES Politécnico), Ribeira (1 participante, do centro IES Nº 1 de Ribeira), Ames (1 participante), Santiago de Compostela (5 participantes, dos centros: IES de Sar, IES Rosalía de Castro e CPR Colexio Manuel Peleteiro), Brión (2 participantes), Negreira (1 participante), Narón (1 participante), O Barco de Valdeorras (2 participantes do IES Martagisela), Teo (1 participante), Burela (1 participante do IES Perdouro), Ferrol (1 participante, do IES Saturnino Montojo), O Porriño (1 participante do IES Ribeira do Louro), Redondela (1 participante do IES Illa San Simón), Vedra (1 participante) e Allariz (1 participante do IES de Allariz). Os estudantes proceden de 15 centros da comunidade galega:
Engadir que a finalidade desta OIG, encamiñada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os eidos.
A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cadanseu problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada adoitan centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
A olimpíada deste ano está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Amazon AWS, Apser, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.
Os dous primeiros clasificados na OIG 2024 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. De aí, os gañadores poderán acceder á 36ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará en Exipto no mes de setembro.

PUBLICIDADE