A OCU realiza hoxe a súa poxa para conseguir tarifas móbiles económicas

xoves, 22 de maio do 2014 Marcus Fernández

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), tras recibir inscricións dunhas 470.000 persoas nunha compra colectiva dun servizo de subministro de corrente eléctrica, decidiu trasladar esta estratexia para conseguir un prezo competitivo ao mundo da telefonía móbil, recibindo máis de 84 mil solicitudes para optar a unha nova compra colectiva que sairá hoxe mesmo a poxa, para que os consumidores poidan optar logo a unha serie de tarifas de voz e datos que resulten gañadoras.
Dende a OCU lembran que a inscrición non supón ningún compromiso para o consumidor, senón que limitarase a poder ofrecerlle logo as tarifas gañadoras na poxa cos aforros estimados das mesmas, para que decidan se aceptan a oferta conseguida.
Segundo os datos recollidos, o 20% dos usuarios demanda unha tarifa que combine un bono dun mínimo de 300 minutos de voz e 500 Mbytes de datos, o 18% quere un mínimo de 2 Gb de datos, e un 7% quere como moito 100 Mbytes de datos, deixando claro que o acceso á Internet no móbil resulta cada vez de maior interese, mentres que só un 6% dos inscritos parece interesado nunha tarifa plana de voz (en contraste coas promocións que se empeñan en lanzar as compañías).

PUBLICIDADE