A Nintendo Wii supera amplamente en vendas á PS3

mércores, 6 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Os custes do desenvolvemento da PS3 levaron a que a división de xogos de Sony arroxase unhas perdas operativas anuais de 232.000 millóns de iens (1.420 millóns de euros) o paso 31 de marzo, data na que a compañía vendera no Xapón 45.321 unidades da súa nova consola, fronte ás 251.792 unidades que vendeu Nintendo coa súa Wii, o que situaba a relación de vendas en 5 a 1 (aínda que agora parece que a relación xa se equilibrou un pouco e estaría polo 4 a 1).
Nos EE.UU. os resultados son moi semellantes, de xeito que en abril Nintendo xa tiña vendidas 360.000 Wii mentres que Sony só colocara 82.000 unidades da súa PS3 e menos estarían lonxe das 174.000 Xbox 360 que vendeu Microsoft (equipo que, por outra banda, ten unhas prestacións e un prezo moito máis semellantes).
Temos así que a situación de Sony é crítica, e a compañía mantén a súa posición grazas ós ingresos nas súas divisións de electrónica de consumo (como os excelentes resultados económicos procedentes da vendas dos televisores Sony Bravia). Os analistas non dubidan en que a PS3 teña moito éxito a longo prazo, pero parece que a medio prazo a situación resultará difícil para a empresa nipona, que aínda non conta cunha oferta de xogos exclusivos que atraian consumidores á súa plataforma, xa que os videoxogos son os produtos que realmente sosteñen o mercado (e non a venda de consolas, como se podería pensar ó ver as actuais guerras de cifras).
Os que estimaban que a guerra das consolas de nova xeración ía rematar rápido parece que non souberon ler ben a súa bola de cristal.

PUBLICIDADE