A Nintendo Wii chega anticipadamente a España

xoves, 7 de decembro do 2006 Marcus Fernández

A nova Nintendo Wii de Pedro Jorge Romero

O lanzamento europeo da Nintendo Wii será o vindeiro venres día 8, polo que os compradores españois deberían ter que agardar ata o día 9 para facerse coa nova consola (xa que o venres é festivo en España), pero as persoas que reservaron a Wii con certa antelación levaron unha sorpresa o pasado martes: xa podían pasar pola tenda a recoller a nova consola que tanto está a dar que falar.
Así, moitos blogs amosan estes días dende vídeos cos distintos xogos que hai para a Wii ata a xa tradicional cerimonia de desembalado da consola (analizando os elementos que veñen na súa caixa). Comentan así que na caixa se inclúen a consola, o seu soporte, unha base para o soporte, o mando, o nunchuk (mando secundario), a barra de sensores, o soporte da barra, a fonte de alimentación, un cable audio/vídeo, un adaptador para euroconector, autocolantes para o sensor, dúas pilas AA para o mando e un disco con xogo Wii Sports (que inclúe os seguintes deportes: tenis, bolos, boxeo e baseball).
A consola está a recibir moi boas críticas por parte do público español, que fala ben da súa interface de uso, da configuración Wi-Fi, dos servizos en liña dispoñibles e mesmos da compatibilidade cos vellos xogos para Gamecube.
Tamén destacan o tamaño reducido da Wii, afirmando que o seu tamaño é semellante ó de 3 caixas de DVD (ou un iMac) e a comodidade dos seus mandos de xogo, aínda que hai outro elemento no que tamén coinciden moitas páxinas web: na necesidade de elixir ben os xogos que se mercan para a consola. Así, recomendan mercar xogos pensados para a Wii, e non adaptacións de xogos que xa existen para Xbox 360 e PS3, xa que nestes casos a nova consola de Nintendo non dá a talla. Pola contra, xogos coma o Zelda Twilight Princess está a ser considerado coma un dos mellores xogos da historia (para tódalas plataformas) de xeito que a tenor do que se pode ler na Rede pódese confirmar que a Nintendo Wii vai ser o meirande éxito do lecer electrónico deste Nadal.

PUBLICIDADE