A Nintendo 3DS chega a Galicia

xoves, 24 de marzo do 2011 Marcus Fernández

A xira Prueba y Verás establécese nos Xardíns de Méndez Núñez (A Coruña) ata o vindeiro domingo

Este venres é a data oficial de lanzamento da nova consola portátil de Nintendo, pero un par de días antes chegou á Coruña a xira Prueba y Verás, na que é posible probar a Nintendo 3DS en primicia, experimentando coas súas posibilidades coa realidade aumentada e coa súa cámara, así como xogando a varios dos seus xogos de lanzamento, o que axuda de xeito decisivo á hora de decidir se mercar a consola que promete ser todo un éxito ao integrar unha pantalla 3D que non precisa de lentes para a súa visualización.
Pero, aínda que o camión que achegou Nintendo á cidade herculina permita probar en primeira persoa as sensacións que transmite a 3DS, non son poucos os que se adiantaron á estrea oficial da consola, que dende onte está a ser entregada aos impacientes que fixeron reservas en tendas especializadas e incluso hoxe podía verse á venda con total normalidade en tendas de videoxogos e incluso en hipermercados.
O prezo recomendado da Nintendo 3DS é de 249 euros, pero son moitos os establecementos que lanzaron agresivas ofertas para animar aos consumidores a adquirir o dispositivo no seu lanzamento e non agardar a unha posterior baixada de prezo (que podería demorarse moitos meses), de xeito que Media Markt vende a consola por 229 euros, mentres que as tendas da cadea GAME ofrecen ata 120 euros de desconto na 3DS de entregar a consola vella no momento da compra, mentres que nas tendas GameStop venden a Nintendo 3DS a 99,98 euros de entregarse adicionalmente unha PSP 3000 e 2 xogos ou accesorios (tendo que consultarse nas tendas os títulos aceptados dentro de tal promoción).

Actualización do sistema

A actualización da 3DS prémiase cun vídeo en 3D de OK Go

Pero tamén resultou moi rechamante o feito de que hoxe mesmo publicasen unha actualización do software da Nintendo 3DS, que pode instalarse dende o menú de configuración da consola, e que mellora a estabilidade da consola, o funcionamento de SpotPass e as funcións de rede, ou sexa, que corrixe defectos detectados nas últimas semanas, e para animar aos usuarios a actualizar a súa consola, inclúe coa actualización un vídeo en 3D de OK Go, no que fan unha orixinal e divertida coreografía acompañando a canción White Knuckles, que polo momento é o único vídeo de acción real que pode verse na 3DS ata que Nintendo estree a eShop (tenda de contidos que contará con descargas tanto de balde como de pagamento, entres os que haberá tanto xogos como películas e series de televisión).
ACTUALIZACIÓN: Finalmente a actualización europea da 3DS non inclúe o vídeo de OK Go, senón un clip de minuto e medio con xente esquiando, animais e fogos artificiais.


O tema White Knuckles de OK Go leva meses sendo un grande éxito en YouTube, e agora pode verse en 3D na nova portátil de Nintendo

PUBLICIDADE