A Nintendo 3DS baixará o seu prezo o 12 de agosto

xoves, 28 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos anos Nintendo contrarrestaba os anuncios dunha redución de beneficios coa presentación de novas consolas de videoxogos (como a 3DS ou a Wii U), pero vese que a nova consola portátil non é capaz de resucitar as vendas de consolas (tanto polo seu elevado prezo como polo seu reducido catálogo de xogos) o que levou a Nintendo a rebaixar o seus prognóstico financeiro para o presente ano fiscal de 110.000 millósn de iens a 20.000 millóns de iens, ou sexa que agarda uns beneficios un 81,8% menos do proxectado, e para evitar que as cousas vaian a peor anuncian que a Nintendo 3DS terá unha importante baixada de prezo o 12 de agosto.
O prezo de lanzamento da Nintendo 3DS era de 25.000 iens no Xapón , 249 dólares nos EE.UU. e 249 euros en Europa e agora pasará a 15.000 iens no Xapón, 169,99 dólares nos EE.UU. e previsiblemente 169,99 euros en Europa (xa que o prezo europeo aínda non está confirmado). E para compensar á xente que mercou a consola ao seu prezo completo, Nintendo vai regalar 20 xogos descargables a través da 3DS eShop, concretamente 10 xogos de NES para a Consola Virtual (entre os que destacan Super Mario Bros, Donkey Kong Jr, Balloon Fight, Ice Climber e The Legend of Zelda) e outros 10 títulos de Game Boy e Game Boy Advance (como Yoshi’s Island: Super Mario Advance 3, Mario Kart: Super Circuit, Metroid Fusion, WarioWare Inc: Mega Microgame$ e Mario vs Donkey Kong). Para acceder á promoción hai que conectarse á eShop antes do 12 de agosto, estando os xogos dispoñibles máis adiante).
Dende Nintendo agardan que esta importante rebaixa dispare as vendas da consola, especialmente porque xa confirmaron que antes de Nadal estarán dispoñibles os xogos Mario Kart 3DS e Super Mario 3D Land, que poderían considerarse auténticos vende-consolas (como o recentemente lanzado The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D, que tamén mellorou as vendas da consola portátil).


Trailer do agardado Super Mario 3DS

PUBLICIDADE