A Home da PS3 sairá o 19 de novembro

luns, 13 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Imaxe que amosa cómo se veía o Tokyo Game Show en Home

En xuño de 2007 Sony anunciou que ía incorporar á súa PS3 un mundo virtual ao máis puro estilo de Second Life que se chamaría Home e que non era capaz de cumprir os seus prazos de entrega, pois aínda que se agardaba para finais de 2007 se tivo que demorar ata a primavera de 2008, data na que finalmente non saíu. Agora, co gallo do Tokyo Game Show, por fin poñen data a este lanzamento, e parece que o 19 de novembro aparecerá este contorno tridimensional que servirá para que os usuarios se relacionen entre si, aluguen películas, vexan trailers en alta definición, inicien partidas e, en definitiva, teñan unha nova ferramenta para interactuar, que podería ser todo un éxito ou quedar en nada.
Hai que destacar que a interface de Home é moito máis seria (por realista) que a que presentan os seus competidores, pois Nintendo aposta por uns simples Mii para representar aos seus usuarios mentres que a Xbox 360 estreará en breve uns avatares un pouco máis complexos, pero que conservan un deseño algo infantil, máis agradable para o usuario ocasional.

PUBLICIDADE