A FEMP presenta en Lugo un servizo encamiñado a velar polas boas prácticas na instalación de telefonía móbil

mércores, 22 de novembro do 2006 Raquel Noya

Lugo acolleu unhas xornadas sobre telefonía móbilDende hai máis de tres anos, un bo número de concellos manteñen un tirapuxa coas operadoras de telefonía móbil no que se refire á instalación de antenas para este servizo. No medio atópase unha dobre demanda cidadá: por unha banda esíxense cada vez mellores servizos e cobertura de telefonía, mentres que, pola outra, pídese máis control nas condicións técnicas e medioambientais que determinan onde se habilitan estas infraestruturas. Polo tanto, o conflito vai cara a diante cando os mesmos cidadáns que esixen usar o seu teléfono móbil en calquera momento e lugar, opóñense á instalación das antenas que fan posible ese servizo.
Para facilitarlle ós concellos as ferramentas que permitan dar resposta a tódalas expectativas -bo servizo e control-, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vén de poñer en funcionamento o Servizo de Asesoramento Técnico e Información, SATI, que, entre outras finalidades ten a de facilitar a aplicación do Código de Boas Prácticas para a instalación de infraestruturas de telefonía móbil. Cómpre sinalar que este Código vai encamiñado a cubrir os aspectos fundamentais que aseguran cobertura e o máximo respecto ó entorno da instalación, dando resposta á demanda social. Estes mecanismos déronse a coñecer nas segundas Xornadas informativas sobre o despregue de antenas de telefonía móbil celebradas estes días en Lugo, onde se deu cita un bo número de especialistas no desenvolvemento de Redes de Radiocomunicación.
Dita xornada, organizada pola FEMP, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), o Concello de Lugo e a AETIC, serviu para presentar o devandito Código e para transmitirlle unha mensaxe de tranquilidade e seguridade ós responsables municipais do despregue de antenas. Os relatores da xornada deron información técnica, xurídica e sanitaria sobre o funcionamento e control destas infraestruturas e coincidiron en que “as antenas de telefonía móbil son seguras en España”.

PUBLICIDADE