A Deputación de Pontevedra converte a eAdministración en accesíbel nas súas novas oficinas de ORAL

martes, 3 de agosto do 2021 S. P.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou esta mañá a nova oficina do ORAL (servizo de xestión tributaria e catastral da entidade provincial) situada no número 16 da rúa Manuel del Palacio de Pontevedra e mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo do servizo, acompañada polo deputado Carlos Font. Este novo local serve xa como punto físico único de atención na cidade, permitindo que as persoas que precisan asesoramento presencial reciban unha atención máis simplificada ao non ter que desprazarse entre os distintos departamentos. Trátase pois dun punto de atención a prol da simplificación administrativa e, tamén, de asesoramento en materia de eAdministración.
O novo local é froito dun interese, por parte da Deputación, por mellorar o servizo ORAL. “Falamos de modernización, accesibilidade, prestacións, atención ao público e novas ferramentas na relación cos concellos", sinalou Silva.
Respecto dos vindeiros avances do servizo, Carmela Silva tamén avanzou que “imos ter que seguir facendo máis cambios no servizo en consonancia coa aparición de novos instrumentos de mellora da xestión, aos que nos temos que sumar, da continua aplicación das novas tecnoloxías como estamos a facer, pero sen esquecer que o lado humano da prestación dos servizos, na atención ao público, nunca o vai suplir en ningún caso o avance tecnolóxico”. De feito, a presidenta comprometeuse a que en setembro iniciará unha nova visita a todas as oficinas periféricas do ORAL, “que son o instrumento de atención próxima en todas as comarcas da provincia", así como que no próximo orzamento “contemplarase unha nova dotación para que o persoal dispoña de pantallas duplas nos seus postos de traballo a fin de optimizar a atención á cidadanía”.
A nova oficina de atención ao público do ORAL en Pontevedra conta con 8 postos de atención e está dotada de melloras tecnolóxicas que permiten axilizar trámites como a obtención de duplicados de recibos ou notificacións. Ademais, as persoas usuarias tamén se poden achegar a esta oficina para realizar directamente os seus trámites desde os ordenadores que están á súa disposición, recibindo asesoramento do persoal no caso de que o precisen. “Grazas a este novo sistema de atención evítanse os desprazamentos dentro do edificio”, salientou Silva.
As novas oficinas dispoñen de 140 metros cadrados de superficie útil, “confeccionando un local do século XXI, diáfano, aberto, moderno e cunhas infraestruturas adaptadas funcionalmente”. Co punto de atención única tamén se mellora a produtividade das servidoras e servidores públicos do ORAL, ao deixar de compaxinar o seu traballo cunha dispoñibilidade presenza continuada de atención ao público, tarefa que agora desempeña persoal dedicado exclusivamente a esta función.

PUBLICIDADE