A Deputación de Lugo facilita as visitas virtuais ao Belén de Begonte

luns, 21 de decembro do 2020 Redacción

A Deputación de Lugo quere mostrar ante o mundo o xa histórico Belén Electrónico de Begonte. Faino cun vídeo que facilita as visitas virtuais dende calquera recanto do mundo. O traballo audiovisual, ao que se accede dende a web do Belén, foi realizado polo Servizo de Audiovisuais da Deputación en colaboración cos organizadores do nacemento.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao representante do Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán, Xulio Xiz presentaron o vídeo este luns no Pazo de San Marcos.
García Porto subliñou a importancia deste proxecto que consegue manter a tradición dende a casa “xa que este ano a crise sanitaria non nos permite achegarnos en persoa a descubrir e redescubrir este elemento fundamental do noso Nadal que está declarado Ben de Interese Turístico Galego”.
Durante uns dez minutos, a produción audiovisual amosa o que para a Deputación é “o nacemento articulado máis senlleiro de Galicia”. Faino cun percorrido pola instalación formada por un cento de pezas, máis da metade móbiles, que representan os costumes e oficios tradicionais galegos.
Os deputados e Xulio Xiz recordaron que o nacemento ten versión diúrna e nocturna: a primeira abranguendo labores como cortar leña ou mallar, e personaxes como o carpinteiro, o oleiro, ou o pescador; a segunda cun prendido das casas e cun especial protagonismo do Portal dos Reis Magos. As imaxes van acompañadas dunha narración da historia e detalles do proxecto en tres idiomas, galego, castelán e inglés.
A deputada puxo de manifesto o importante traballo que o Servizo de Audiovisuais realiza para a difusión e divulgación da actividade social, cultural e turística dos concellos da provincia.

PUBLICIDADE