A Deputación de Lugo achega as novas tecnoloxías aos maiores de Ribeira de Piquín

mércores, 30 de maio do 2018 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo segue adiante co seu labor tecnolóxico-formativo para os maiores da provincia. Segundo vén de informar a fundación, estes días está a impartir en Ribeira de Piquín un dos doce cursos que integran o seu programa de alfabetización tecnolóxica para o rural deste segundo trimestre de 2018. O vicepresidente provincial, Argelio Fernández Queipo, acompañado polo alcalde, Roberto Fernández Rico, mantivo hoxe un encontro cos 15 participantes na actividade. Nela, por certo, os participantes teñen a oportunidade de iniciárense no mundo de Internet.
Fernández Queipo salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos tres que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz e Xermade”. Segundo fixo saber, o alto nivel de participación bota por terra a falsa crenza do desinterese das persoas de idade polos recursos dixitais e, de feito, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Fernández Queipo tamén anunciou que a vindeira semana o eixe de actividades da Fundación TIC desprazarase até Baleira. O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
Amais de todo o devandito, Argelio Fernández engadiu que “dende o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Na súa opinión, as novas tecnoloxías representan “un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”. Neste senso, avanzou que “a nosa intención é achegar estes cursos a toda a provincia en vindeiras edicións”.
Máis de mil prazas
Este segundo trimestre de 2018, a Fundación TIC ofrece 1.085 prazas nos 81 cursos que imparte, tanto na sede da entidade como na provincia. A cifra, segundo destaca a Deputación, supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior. A entidade que preside Darío Campos tamén está a facer un especial esforzo para dar resposta á alta demanda que suscitan este tipo de actividades formativas TIC. “Isto reflíctese no rápido que se cobren as prazas dispoñíbeis unha vez que se abren os prazos”, explica a Deputación.

PUBLICIDADE