A Conferencia RedOtri 2011, congregou en Ourense a máis dun cento de técnicos de I+D

luns, 6 de xuño do 2011 Raquel Noya

Despois de dous días de traballo, valorizando e investigando en Ourense, os técnicos de transferencia do coñecemento chegados das OTRIs e Oficinas de I+D de universidades de todo o Estado, regresaron ás súas cidades de orixe cun bo sabor de boca, logo de terse posto en contacto co máis destacado do sector privado para aplicar os seus estudos no mercado.
Segundo puidemos ler recentemente no DUVI, “en 2010, as aproximadamente 65 universidades españolas que forman a RedOtri tiveron un volume de contratación co sector privado de arredor de 600 millóns de euros e viron nacer 133 empresas”. Nestas cifras “xogan un papel moi importante”, segundo engaden, “os máis de 500 técnicos de transferencia destas institucións”, gran parte dos cales, participaron en Ourense na Conferencia RedOtri2001 os pasados días xoves e venres, afondando na súa profesión e no traballo que realizan.
Esta cita anual dos técnicos de transferencia estatais, que contou coa colaboración da Tecnópole entre outras entidades, estivo especialmente centrada no perfil destes profesionais “que desde que foron creadas as OTRIS a finais dos anos oitenta foron collendo protagonismo e definindo paulatinamente o seu papel e características”, apunta o DUVI.
A coordinadora da RedOtri e responsable da OTRI da Universidade de Vigo, Ángeles López, destacou no peche das xornadas a súa satisfacción polo desenvolvemento da iniciativa, así como as achegas dos distintos relatores, que expuxeron os sistemas de acreditación que existen noutros países para os técnicos de transferencia, “uns de corte privado e outros apoiados pola Comisión Europea”, indicou.
Durante as xornadas tamén se afondaron en cuestións que afectan ao traballo deste persoal, como é a posibilidade de crear un código profesional en transferencia de coñecemento, a confidencialidade da información ou o uso da protección do coñecemento, entre outros temas.

PUBLICIDADE