A CNMC rexistra unha mellora no número de liñas móbiles e de banda larga en agosto

martes, 15 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Ganancia neta de liñas (en milleiros) durante o pasado mes de agosto

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de publicar a súa nota mensual sobre o mercado das telecomunicacións e audiovisual correspondente ao pasado mes de agosto (que podemos consultar íntegra en formato PDF) na que vemos que aínda que a telefonía fixa continúa a rexistrar perdas netas de clientes, a banda larga conseguiu gañar 55.903 liñas e o móbil conseguiu gañar 5.536 liñas en vez da pronunciada caída que rexistrou case todos os meses anteriores, o que parece un resultado bastante bo se temos en conta que agosto non é habitualmente un bo mes para a contratacións de servizos de telecomunicación.
Sobre as conexións de banda larga, os operadores alternativos seguen a ser os que máis liñas captan (46.883), destacándose tamén que Telefónica conseguiu engadir 15.609 liñas de fibra óptica ata o fogar e 4.952 liñas xDSL, mentres que os operadores de cable padeceron unha caída neta de 11.541 liñas.
O sector móbil, que medra lixeiramente por cuarto mes consecutivo, continúa a reflectir un grande crecemento dos Operadores Móbiles Virtuais (cunha ganancia neta de 159.056 liñas o que as leva a unha cota de mercado do 11,44%), mentres que Orange (44.274) e Yoigo (8.535) teñen uns resultados máis modestos, e Vodafone e Movistar seguen a perder liñas netas de xeito significativo, con 58.642 e 147.687 liñas menos respectivamente, o que xa parece unha tendencia crónica.

PUBLICIDADE